SPRINT MOTOR é unha publicación integramente escrita en galego que intenta reflecti-la realidade do motor tanto da competición coma do sector comercial de Galicia e máis detalladamente da área metropolitana de Santiago de Compostela. Esta publicación naceu o ano 1995 recollendo as inquietudes dun grupo de xornalistas afeccionados ó motor convencidos da necesidade de ter un medio que se expresase na lingua galega e que recollese aspectos e contidos que xeralmente non eran divulgados por outras revistas ou xornais de carácter nacional e incluso autonómico. Ó longo deste período foron moitas e moitos os colaboradores que mes a mes foron construíndo este puñado de páxinas que xa son historia do xornalismo especializado desta terra. A partir de xaneiro do 2005 SPRINT MOTOR empezou a introducir a cor nas súas páxinas despois de preto de 100 números imprimindo en escala de grises. Este fito foi moi ben valorado por todos os actores implicados, sabedores do grande esforzo que isto nos supuxo como editores. En outubro do ano 2009 dimos un salto cualitativo e de calidade moi importante, SPRINT MOTOR comezou unha nova andaina en formato A4. Ou sexa, no que se coñece como formato revista. Agardamos que esta década que estamos a vivir vexa a culminación e consolidación de SPRINT MOTOR, que empezou sendo un pequeno proxecto para converterse nunha gran realidade. A enerxía verde, máis aló dunha demanda social


A transición cara a unha enerxía máis limpa e sostible converteuse nunha demanda social cada vez máis imperiosa, ademais dunha necesidade ecolóxica ineludible. O consumo masivo de enerxía que requiren todos os vehículos e dispositivos da nosa vida cotiá obríganos a reformular o uso de combustibles fósiles e outras fontes de enerxía non sostibles. As que vemos xa como sucias.

O futuro debe ser impulsado por enerxías limpas e renovables, un obxectivo que, aínda que vital, aínda está lonxe de alcanzarse. Pero un obxectivo que cada día se ve máis próximo e real. O camiño cara a un sistema enerxético con cero emisións é longo e desafiante, e só se poderá percorrer coa cooperación de todos os sectores da sociedade, incluíndo un esforzo conxunto tanto público como privado. Esta situación lémbranos á época na que conviviamos a cotío co fume do tabaco en calquera lugar, sen ser conscientes do gran dano que causaba á saúde. Así como aprendemos a deixar atrás esa práctica, agora debemos comprometernos de maneira urxente a adoptar enerxías verdes. Polo ben dos cidadáns actuais e dos do futuro.

A urxencia de implementar enerxías renovables xa non admite escusas nin demoras. A Unión Europea avanzou significativamente neste terreo, España tamén, pero se desexan manter e acelerar esta transformación, deberán combinar innovación tecnolóxica, investimentos estratéxicos, políticas coherentes e unha colaboración internacional real. No noso país, a redución de emisións de CO2 foi notable, impulsada en gran medida polo peche de plantas de carbón e a crecente adopción de enerxías renovables. O país asumiu o compromiso de alcanzar a neutralidade de carbono para o ano 2050, con metas intermedias ambiciosas, como a redución dun 23% das emisións para 2030 en comparación cos niveis de 1990. A finais de 2023, a capacidade instalada de enerxías renovables representaba máis da metade do “mix enerxético” do país, con numerosos proxectos de enerxía eólica e solar en desenvolvemento.

Pola súa banda, a Unión Europea lanzou o Pacto Verde Europeo, un plan ambicioso que busca reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro en polo menos un 55 por cento para 2030. Este pacto inclúe unha serie de políticas e regulacións, como o sistema de comercio de emisións, que obriga as empresas para pagar polas súas emisións de CO2, incentivando así a súa redución. Así e todo, tanto o noso país como a UE enfróntanse a importantes desafíos, entre eles a necesidade de mellorar as tecnoloxías de almacenamento de enerxía para manexar a intermitencia de fontes renovables como a solar e a eólica. Probablemente este sexa na actualidade o cerne da transformación enerxética mundial.

No caso do noso país, é crucial desenvolver redes eléctricas intelixentes que poidan xestionar de maneira eficiente a variabilidade da xeración de enerxía renovable. Ferramentas e tecnoloxía hai de abondo actualmente, pero todo isto implica tamén a actualización e expansión da infraestrutura da rede eléctrica. Ademais, é fundamental mellorar as interconexións eléctricas con outros países europeos para facilitar o intercambio de enerxía e garantir a seguridade da subministración.

A Unión Europea ten a obriga de ofrecer asistencia financeira e técnica aos Estados membro con menos capacidade para investir en tecnoloxías limpas, utilizando mecanismos como o Fondo de Transición Xusta para asegurar que esta transformación sexa equitativa e beneficie a todos os Estados, especialmente aqueles máis febles aos cambios.

Podemos dicir que avanzar cara a un modelo enerxético baseado en enerxías renovables non só é un imperativo ambiental, senón tamén unha obriga social. A cooperación internacional e a implementación de políticas coherentes e sostibles serán clave para lograr un futuro onde a enerxía limpa sexa o estándar. Os esforzos realizados ata o de agora na UE demóstrannos que a transición verde é posible, pero hai que seguir dándolle pulo a todas as políticas que favorezan continuar polo camiño correcto, xogámonos moito.


 





DESCARGA A REVISTA EN FORMATO PDF

Número 328 (09-24)
Número 326 (07-24)
Número 327 (08-24)
Número 324 (05-24)
Número 325 (06-24)
Número 322 (03-24)
Número 323 (04-24)
Número 320 (01-24)
Número 321 (02-24)
Número 318 (11-23)
Número 319 (12-23)
Número 317 (10-23)
Número 316 (09-23)

Descarga AQUí os números de anos anteriores
 
© Sprint Motor